Saturday 18 de May de 2024

Moeche adxudica varias obras na rede viaria por valor de 93.000 euros


O Concello de Moeche acaba de adxudicar un novo paquete de reparacións viarias que desta vez se centrará en cinco pistas de Labacengos, San Xurxo e San Xoán e, máis en detalle, en varios tramos situados en Lavandeira, Vidueira, Caleira, Petón e Outeiro.

Nuns casos renovarase a calzada cunha capa asfáltica e noutros estenderase saburra despois de nivelar a superficie e limpar as gabias. O contrato foille adxudicado a Construcciones Saavedra y López en 29.989 euros, IVE incluído, financiados na súa maioría cos fondos do POS da Deputación da Coruña.

Por outra banda, a Mesa de Contratación tamén adxudicou -neste caso a José No Mantiñán e Hijos- o proxecto incluído no denominado “Plan de Camiños” da AGADER, a través do que se repararán as pistas O Retorno-Albariza, Vigo-Casalousada e Camiño-Casanova de Vilar. O importe total ascende a 63.222,50 euros, cofinanciados con fondos europeos xestionados por Medio Rural.

En resume, entre POS+ e Plan de Camiños en breve repararanse cerca de 5,5 quilómetros da rede viaria municipal utilizando distintas solucións en cada caso, como o aglomerado ou o reasfaltado, acompañados sempre do acondicionamento das marxes e das gabias.

Ademais tamén acaba de completarse o programa de mantementos puntuais con aglomerados e regas asfálticas para alongar a vida útil de distintas pistas, así como a reposición de varios camiños de saburra, que supuxo un investimento cercano aos 26.000 euros a través dun contrato menor adxudicado tamén a José No Mantiñán e Hijos.